23 may 2014

[Gamonal] O regreso dos violentos itinerantes ou unha mentira mil veces repetida

Colamos este artigo de opinión asinado por Modesto Agustí, con unha moi interesante e ben levada reflexión sobre a teima de Interior en seguir, a día de hoxe, tratando de xustificar o envío de 210 antidisturbios ao Gamonal en base á suposta presencia de grupos radicais procedentes doutros lares. Artigo que recollemos do Diario de Vurgos, que vai acompañado de viñetas gráficas moi ben fiadas de Vergara (a direita) e Morán (ao final do artigo):

Despois de que pasasen meses do estalido do conflito de Gamonal, a entelequia dos "grupos violentos itinerantes" segue sendo o principal argumento que os responsables de Interior esgrimen para xustificar a actuación policial que converteu ao barrio nun autentico territorio ocupado. Unha mentira mil veces repetida convértese nunha verdade...

Como cada noite, durante a batalla que se libra en Gamonal e que rematou por converter ao barrio burgalés no epicentro mediático do momento, dende as súas ventás xorden as voces esgazadas da veciñanaza que ao berro de -covardes- reciben con estrépito ás dotacións policiais que se desprega polas súas rúas. O resoar metálico de miles de cazolas delata cada un dos movementos dos antidisturbios que buscan con entusiasmo aos violentos manifestantes vidos de fóra e que, non obstante, non conseguen dar con eles.

Ata 210 axentes antidisturbios desprazáronse a Gamonal para aplacar as protestas contra o bulevar da rúa Vitoria que se sucederon ente o 10 e 14 de xaneiro de 2014. Despois de que pasen varios meses dende o estalido do conflito de Gamonal, o Ministerio de Interior continúa aferrándose á teoría da presenza de "grupos violentos itinerantes" como orixe das protestas que sacudiron a principios do presente ano o barrio de Gamonal.

Interior non só remarca que a actuación das dotacións antidisturbios que chegaron a Burgos para reforzar o dispositivo establecido pola Comisaria Provincial "se desenvolveu de conformidade cos principios de oportunidade, congruencia e proporcionalidade", senón que retoma o argumento da presenza de "radicais vidos de fóra" que conseguiron rebentar a "protesta lexítima" dos pacíficos manifestantes. Afirmacións que contrastan co Informe elaborado polo grupo de apoio aos procesados que revela con testemuños directos como a maioría das detencións producíronse de forma arbitraria sobre persoas que se encontraban nese momento na rúa.

A pesar de que as declaracións de Francisco Martínez, secretario de Estado de Seguridade, foron rapidamente desmentidas ao descubrirse que a totalidade dos veciños detidos durante as protestas estaban afincados en Burgos, os representantes gobernamentais saen ao paso afirmando que «o feito de que compoñentes dos devanditos grupos non se encontren entre as persoas detidas non significa que non terían participado nos disturbios vividos entre os días 10 e 14 de xaneiro». Todo iso a pesar de que no informe realizado por axentes da Comisaria de Burgos se afirmase que, se ben se detectaran supostos contactos entre grupos radicais locais e outros provenientes doutras cidades para acudir a Gamonal, finalmente estes desprazamentos non se produciron.

A entelequia de loanza "grupos violentos itinerantes" segue flotando no aire sen que ata o momento nin a "proporcionada" actuación dos antidisturbios nin os labores de información dos axentes de Burgos, puidesen asegurar a súa existencia. Unha construción propagandística que xunto ás "leccións de Gamonal ao mundo abertzale" ou o "dirixismo anarquista", forma parte da mitoloxía que quere converter ao conflito de Gamonal nun tumulto alleo aos seus propios veciños. Unha estratexia que pretende desviar a atención sobre as causas últimas que xeraron aqueles sucesos: o malestar pola especulación urbanística e o único diálogo do que foi capaz o Concello de Burgos, cuxos argumentos se esgrimiron a través das porras e as pelotas de goma.

"Unha mentira mil veces repetida convértese nunha verdade", quizais o noso secretario de Estado de Seguridade non lle faga noxos á senda marcada por J. Goebbels, Ministro de Propaganda do III Reich, máis aínda cando os únicos "grupos violentos itinerantes" que operaron en Gamonal durante aqueles días de xaneiro foron os 210 axentes que cumprían as súas ordes. Se quizais encontraron algo parecido á presa que viñan buscando, foi o seu reflexo fragmentado nos cristais das sucursais bancarias esnaquizadas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario