10 jun 2014

Un xuíz culpa os sindicatos convocantes da folga de setembro de 2012, dos danos causado por unha bola de goma nun dos ollos dun manifestante!!

Colamos esta esperpéntica noticia da web de EsCULcA, que fai-se eco da noticia publicada en Naiz info:

O xuíz Fermín Otamendi arquiva a denuncia dun mozo de Atarrabia que perdeu a visión dun ollo na folga do 26 de setembro de 2012 en Iruñea por unha bola de goma alegando que a carga policial era «necesaria». O instrutor elimina toda a responsabilidade do Estado e convida o denunciante a se querelar contra os sindicatos convocantes se quere recibir indemnización.

O xuíz Fermín Otamendi notificou o arquivo da denuncia interposta por Aingeru Zudaire despois de perder a vista dun ollo a causa do impacto dunha bola de goma. Zudaire sofre secuelas para sempre por mor dun disparo dun policía sen identificar durante a folga de 26 de setembro de 2012 en Iruñea. No seu auto, o xuíz sostén que a carga da Policía española foi «necesaria» e que, en todo caso, o ferido tería que esixir responsabilidades aos convocantes que, nesta ocasión, foi a maioría sindical vasca.

O manifestante recibiu o impacto despois da carga no Paseo Sarasate durante o mitin final da manifestación da mañá. Algunhas dos millares de persoas alí presentes decidiron sentar en resposta ás cargas que iniciou a Policía Foral e foron continuadas polos policías españois. A Zudaire, a bala de goma bateulle cando se levantaba tras estar sentado nos arredores do Monumento aos Foros.

No testemuño que deu ao xuíz, Zudaire relatou que o policía lle disparou a uns sete metros. É dicir, probablemente o disparo foi efectuado a unha distancia menor mesmo que no caso de Íñigo Cabacas. O emprego de bolas de goma a esas distancias está terminantemente prohibido, porque son letais. Nos documentos que se achegaron ao longo da instrución, indícase claramente que a distancia mínima é de 30 metros e que, ademais, o disparo debe facerse en diferido (é dicir, apuntando ao chan para que a pelota impacte no seu obxectivo ao rebotar).

Mais estas mínimas medidas de seguridade non se cumpriron no caso do mozo de Atarrabia. A preguntas de GARA, Zudaire manifestou onte unha enorme indignación. «Estou vivo por acaso. A pelota puido matarme, mais tiven a sorte de que non me impactou de cheo. Só a desviei». O afectado tamén asegurou «ter a sensación de que se están rindo del e de todos, porque o único que lles importa é seguir usando armas de fogo contra manifestantes».

A «eximente completa»

As consecuencias xurídicas do arquivo da causa poderían pechar a porta a que Zudaire reciba unha indemnización. A estratexia habitual que utilizan as defensas dos policías adoita ser negar que a ferida se producise por un pelotazo. Neste caso, o xuíz non nega que unha bala de goma impactase no ollo, o que considera é que a pesar de todo, o disparo e a carga policial non foi «intencionada ou imprudente». Por tanto, o Estado non tería ningunha responsabilidade nas lesións causadas. Por iso o xuíz insta Zudaire a emprender accións legais contra os convocantes da folga. «Estas circunstancias fan que non caiba falar de ningún tipo de responsabilidade penal polo uso de material antidisturbios. Antes ao contrario, quizá o denunciante debería considerar a posibilidade de dirixir a súa reclamación fronte aos organizadores da reunión», sostén.

De feito, o xuíz vai un paso máis aló e asegura que o disparo estivo justificado, independentemente de que o mozo de Atarrabia tomase parte ou non nos incidentes que se produciron despois da carga da Policía Foral. «O feito de que o denunciante participase ou non nas agresións ás forzas de seguridade é intranscendente aos efectos de determinar se existe ou non responsabilidade penal por parte do policía», subliña o auto de Otamendi.

A indemnización e unha vitoria moral contra os que cargaron era o único que o denunciante podería conseguir. Ao non poder identificar o axente, facía practicamente imposíbel que quen lanzou a bola recibise castigo, porque como adoita acontecer, a Policía española non quixo dar o seu nome.

Fontes próximas á defensa consideran estas argumentacións como unha auténtica aberración xurídica. Segundo este razoamento, calquera consecuencia da carga realizada estaría justificada. É máis, mesmo se unha persoa allea aos incidentes falecese, o razoamento do xuíz convertiria esa morte en algo «necesario». Así mesmo, ao estimar o xuíz que resulta «intranscendente» participar ou non nos incidentes, nin sequera se molesta en determinar a que distancia estaba Zudaire de persoas que lanzaban obxectos. Aos seus ollos, o feito de que o mozo estivese sentado, non ten relevancia.

Doutra parte, Otamendi desatende o testemuño do denunciante, dado que no seu relato afirma que o disparo se produciu saltando todo o protocolo de seguridade. O xuíz argumenta que nas imaxes que obran no sumario «non puido acreditarse ningunha actividade imprudente por parte dos axentes», mais recoñece que todas esas imaxes foron «achegadas pola Policía Nacional». A pesar de todo, o feito de que o mozo de Atarrabia perdese a visión dun ollo constitúe, en si mesmo, un indicio de que a actuación policial foi cuestionábel. Ademais, ese mesmo día foi recollida das rúas de Alde Zaharra unha bola que tiña inscrita a lenda «Recuerdo de España».

En termos xurídicos, o que o instrutor emprega é unha «eximente completa» para exonerar todos os policías que interviron ese día, que resultou particularmente conflitivo. Cabe lembrar que a actuación policial e os incidentes foron tan graves que imaxes de Iruñea acabaron nas capas de varios medios internacionais.

No entanto, esta teoría da «eximente completa» foi practicamente desmantelada xa pola Audiencia Provincial. Aínda que o caso de Zudaire sexa o máis rechamante -practicamente perdeu a visión dun ollo- hai máis persoas que denunciaron agresións cometidas pola Policía ese día. Todas foron tramitadas por Otamendi (titular do Xulgado Número 2 do Penal), que é o que estaba de garda. A todas estas denuncias o xuíz tentou dar carpetazo apelando á idea de que a carga estivo xustificada recorrendoa eximente completa. E, como é lóxico, todas foron recorridas. A Audiencia Provincial está a analizar os recursos e reabrindo os carpetazos de Otamendi. En teoría, o xuíz é coñecedor diso, mais non muda o seu criterio. É previsíbel que os avogados de Zudaire tamén apelen.

Máis información aquí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario